Sunday 07 de July de 2024

José González escoita as demandas de AJE-Galicia e salienta a aposta da Xunta pola coordinación e especialización do ecosistema emprendedor


― Sinalou que os menores de 30 anos son colectivo prioritario nas políticas activas de emprego e puxo en valor a Rede de polos de emprendemento

― Referiuse ao futuro Centro de Orientación, Emprendemento, Acompañamento e Innovación (COE) que servirá de ligazón entre as oficinas de emprego e os polos

― A Xunta deseñará unha Estratexia galega de emprendemento cun impulso coordinado con todos os axentes do emprendemento

O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, acompañado do secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais, Pablo Fernández, e da directora xeral de Traballo Autónomo e Economía Social, Marta Mariño, reuniuse co presidente da Asociación de Jóvenes Empresarios de Galicia (Aje-Galicia), Luciano Covelo, no marco do proceso de escoita activa que iniciou cos principais axentes económicos e sociais de Galicia tras asumir a nova carteira de Emprego, Comercio e Emigración.

Na xuntanza, á que tamén asistiu a xerente da entidade, Rosa Fernández, ademais de escoitar as principais demanda do colectivo, o conselleiro expuxo os principais programas que a o departamento autonómico ten en marcha dirixidos aos máis novos, subliñando que os menores de 30 anos son colectivo prioritario nas políticas activas de emprego.

No eido do emprendemento, puxo en valor a Rede de polos de emprendemento e apoio ao emprego que a Xunta ten en marcha para asesorar ás persoas emprendedores en calquera fase na que se atope o seu proxecto, desde o principio ao fin. Nestes intres existen 13 centros en activo que se ampliarán ata 15.
Con esta Rede atendéronse xa, en escasos dous anos, 1.900 iniciativas empresariais, fixéronse máis de 5.000 titorías, arredor de 450 reunións con entidades do territorio e centos de accións entre formacións e eventos propios e externos.

Referiuse, ademais, á creación na Coruña do Centro de Orientación, Emprendemento, Acompañamento e Innovación (COE), que servirá de ligazón entre as Oficinas de Emprego e mailos Polos de Emprendemento.
José González, ademais, sinalou a súa aposta por avaliar o ecosistema de entidades que asesoran o emprendemento apostando pola coordinación pola vía da especialización. “Buscamos unha actuación baseada no estudo previo de mercado, de cara tamén á configuración dunha Estratexia galega de emprendemento, cun impulso coordinado con todos os axentes do ecosistema de emprendemento de Galicia”, indicou.

Lembrou na xuntanza, así mesmo, que a Xunta no eido do emprendemento tamén conta co Plan de remuda para garantir a continuidade dos negocios, constituíndose como unha bolsa de substitución de negocios. Este Plan completarase en vindeiras datas cunha orde de axudas para impulsar os procesos de remuda xeracional, destinada a financiar parte dos gastos aboados en concepto de traspaso polas persoas que se fagan cargo dos negocios, facilitando a actividade.

Para rematar, incidiu na súa aposta particular polo diálogo e pola colaboración público-privada para seguir a facer de Galicia unha terra de oportunidades.